domingo, 4 de agosto de 2013

escápate, mon amour!

      Cando souben da reestrea en Madrid dunha versión restaurada de À Bout de Souffle, o meu corazón púxose a cen. Aquela historia fritírame as miñas neuronas de adolescente soñador alá polo ano 1982, cando a botaran por primeira vez no cineclube. Sempre lembrei a ambigüidade sexual da moza protagonista, algo que tamén me pasara coa Charlotte Rampling de Porteiro de Noite, ou coa inofensiva Rita Tushingham de A Taste of Honey.
      Había que traela como fose, e, nun esforzo sen precedentes da directiva de Ádega, por fin a temos a piques de se proxectar de novo, vinte dous anos despois. Pero, ¿por que é tan importante este título? ¿Tan faltos andamos de sinceridade emocional para vernos reflectidos nas identidades transgresoras destes heroes de celuloide?
      A primeira película de Godard é xa un referente para calquera afeccionado ó Cine. Un filme de culto rodado nos solpores do que se deu en chamar a Nouvelle Vague francesa. O pesimismo pequenoburgués do director de Pierrot le fou non é máis que a desilusión da xeración progresista que creceu á beira dunha cultura de masas norteamericana divulgada polo cine, en especial polo cine de gángsters (Belmondo v/s Bogart). Unha visión pesimista das relacións humanas e do orde social á que entón cualificaron de anarquista.
      A vida pasa, vive o momento. Un Carpe Diem caótico. Belmondo vai de tipo duro, de romántico bad good boy que se debate entre a mágoa e a nada. Seberg elixe a traizón, ou mellor diriamos a prostitución moral. Unha femme coquette, atractiva anque detestable. Os dous fan o que queren facer dependendo do poder que cada un deles acumula, como Bonnie & Clyde pero, ¿quen é Bonnie e quen Clyde?
      Elipses, colaxes, cámara en man... e por riba de todo, o redescubrimento de París, o París dos lastros aínda sen levantar, o París de Robert Doisneau, o París das quenllas de chapa e suspensión dinámica. Patricia pregunta: ¿Prefires os meus ollos, a miña boca ou os meus ombreiros? Michel vístese en doce segundos escamoteando as escenas de transición coma no cine mudo (¡que putada!, dixen eu entón).
      Unha técnica de montaxe brusca, daquela chamada chapuceira polos puristas, e hoxe copiada por orixinal ata nos anuncios de Martini (onde chama moito a estética cool tamén presente no filme); un exemplo de cine realista, nas antípodas do neorrealismo, que recolle abertamente as ensinanzas do cine noir americano para despoxalas de calquera artificialidade e rigor academicista.
      Un filme de culto, arrogante e sensual, revisitado por Hollywood no absurdo e innecesario remake de Jim McBride Vivir sen Alento (1983), unicamente salvado in extremis polo erotismo afrancesado de Valerie Kaprisky, tan irresistible e indecente como a rexión triangular inferior de Patricia.
      Se algunha lectora está pensando en cambiar de peiteado, que vexa o vindeiro mércores o que se gasta Jean Seberg. Quixera imaxinar a moitas Patricias camiñando polas rúas vilagarciás. Entón pecharíaseme o círculo dunha fantasía animada por fin realizada.

***********************************************

À Bout de Souffle (Francia, 1959).
Director: Jean-Luc Godard. Intérpretes: Jean-Paul Belmondo, Jean Seberg, Daniel Boulanger.
***********************************************

No hay comentarios:

Publicar un comentario